A Asociación Forestal de Galicia desenvolveu un curso internacional para xestores forestais dentro do proxecto Forest-IN
A Asociación Forestal de Galicia, en colaboración con FSC Internacional, desenvolveu este mes un curso dirixido a xestores forestais no que participaron arredor de 50 persoas, tanto de Galicia coma do resto de España, Portugal e Francia. A actividade formativa incluíu conferencias e sesións prácticas, que se desenvolveron no Museo das Peregrinacións en Santiago; así como visitas de campo, como as realizadas ás Fragas do Eume e a zonas de concentración parcelaria de monte en Oroso e Curtis, así como ao Pico Sacro e o seu monte demostrativo.
O curso enmárcase no proxecto Forest-IN, impulsado por entidades de España, Francia e Portugal para impulsar a educación forestal. Desenvolveuse ao longo da semana do 11 e o 15 de marzo, e abordou diversas cuestións de interese forestal, como o silvopastoreo, o Banco de Terras, a concentración parcelaria, a certificación forestal, as plantas medicinais, os bosques galegos en Rede Natura 2000 ou a xestión práctica de unidades forestais.
A semana concluíu cunha visita guiada polo servizo técnico do Concello de Santiago ao parque de San Domingos de Bonaval.
Sobre o proxecto Forest-IN
Forest-IN é unha alianza estratéxica para a educación forestal participada pola Universidade de Aveiro (Portugal), a Fundación Cesefor (España), PEFC España, FSC Internacional, Unimadeiras (Portugal), a Asociación Forestal de Galicia e a Asociación Bosque Modelo da Provenza (Francia).