A Asociación Forestal de Galicia chama a erradicar o vandalismo e os actos incívicos que afectan a comunidades de montes veciñais en man común e a montes particulares
Os espazos forestais son amplamente usados en Galicia como lugar de esparexemento pola sociedade. Boa parte da cidadanía fai un uso responsable do monte, beneficiándose das áreas de recreo e roteiros acondicionados, pero tamén se manteñen conductas incívicas e actos vandálicos que cómpre erradicar, pois prexudican ao medio ambiente e ás persoas propietarias dos montes.
O abandono de lixo, en especial de elementos que se poderían xestionar a través de puntos limpos, continúa a ser unha práctica cotiá en numerosos espazos forestais da comunidade.
Tamén son habituais os danos contra o patrimonio (estrago de sinais e de elementos de áreas de lecer), así como a circulación incontrolada de vehículos a motor, principalmente todo terreos, quads e motos, por pistas forestais propiedade de montes veciñais en man común. Esta circulación, que se adoita facer sen a debida autorización da propiedade, provoca danos en pistas e nas propias plantacións forestais, cando se producen circulacións fóra de pista, prohibidas pola lexislación.
A reiteración das conductas incívicas levou a comunidades de montes da provincia de Pontevedra a ter esta semana unha reunión co subdelegado do Goberno, Abel Losada, a quen lle entregaron un dossier con explicación e imaxes dos actos vandálicos que están a sufrir os montes.
As comunidades de montes solicitáronlle ao subdelegado do Goberno unha maior presenza do Seprona nas zonas forestais, de xeito que se exerza unha vixilancia disuasoria, un servizo que o Seprona prestaba hai anos, pero do que se ten unha menor constancia a día de hoxe.
O subdelegado do Goberno comprometeuse coas comunidades a analizar a situación coa Garda Civil, a fin de adoptar as medidas que correspondan. Desde a Asociación Forestal de Galicia sumámonos á petición dunha maior vixilancia dos montes e facemos tamén un chamamento á cidadanía para erradicar os actos vandálicos e as conductas incívicas.
#CoidemosONoso #CoidemosOMonte
Co obxectivo de darlle difusión pública ós actos vandálicos e conductas incívicas que se detectan nos espazos forestais, a Asociación Forestal de Galicia anima á cidadanía a compartir nas redes sociais imaxes de denuncia coas etiquetas #CoidemosONoso #CoidemosOMonte.
Esta campaña tamén quere difundir a outra cara do comportamento cidadán no monte, é dicir, o gozo da natureza de xeito responsable, con imaxes de áreas de lecer, carreiros e roteiros habilitados tanto en montes veciñais en man común como en montes de particulares.