A Asociación Forestal de Galicia celebra o seu 40 aniversario cun balance positivo e a aprobación de tres resolucións estratéxicas para o monte galego
A Asociación Forestal de Galicia (AFG) celebrou o sábado 25 de abril de 2026 a súa XXXIX Asemblea Xeral Ordinaria na Rectoral de Ansemil, en Celanova (Ourense). O evento serviu ademais para conmemorar o 40 aniversario da entidade.
A xornada, inaugurada polo alcalde de Celanova, Antonio Puga, e o concelleiro de Medio Rural, Jesús Regal, estivo marcada pola aprobación unánime de tres resolucións estratéxicas que sitúan a innovación, a sustentabilidade e a participación no centro do futuro do sector forestal galego.
Tres resolucións para o futuro do monte galego
A asemblea deu o seu respaldo a tres propostas de resolución elevadas pola xunta de goberno, que concentraron a parte do debate entre as persoas asistentes.
- Investigación en novas coníferas e reforma fiscal para o piñeiro. Ante os graves problemas sanitarios que afectan actualmente Pinus pinaster e Pinus radiata en Galicia, a AFG solicita fomentar a promoción e investigación de novas especies de coníferas susceptibles de instalarse con éxito nos montes galegos. Así mesmo, a organización demanda un cambio na fiscalidade que incide nas cortas de masas de piñeiro, co obxectivo de non penalizar a xestión activa e a substitución de masas afectadas.
- Compensacións por servizos ecosistémicos. A AFG demanda da Administración forestal unha aposta firme por desenvolver compensacións por servizos ecosistémicos de áreas forestais sometidas a diversas limitacións e presións, con especial atención a dous eidos prioritarios: os montes incluídos na Rede Natura 2000, que soportan limitacións de xestión, e os espazos periurbanos, que prestan servizos recreativos e ambientais ás cidades e vilas galegas.
- Participación directa na elaboración das novas leis. A asociación demanda da Consellería do Medio Rural que abra canles directas de colaboración coas persoas propietarias forestais e as organizacións do sector no proceso de elaboración das novas leis de prevención de incendios e de montes veciñais en man común, garantindo así que a normativa se constrúa sobre a base do coñecemento e da experiencia do terreo.
Balance do exercicio e actividade do ano
Na asemblea presentouse un resumo das actividades levadas a cabo pola asociación ao longo de 2025, resaltando aquelas que esixiron unha especial dedicación, como é o caso dos diferentes servizos técnicos que se lle prestan ás persoas asociadas. Neste eido, destacou o esforzo feito na posta en marcha de varias agrupacións forestais de xestión conxunta e na certificación dos servizos ecosistémicos.
Así mesmo, subliñouse a defensa dos intereses das persoas propietarias forestais en diferentes ámbitos institucionais, tanto da Administración como no eido político, así como no traballo conxunto que se fixo con moitas organizacións institucionais coas que a AFG traballa estreitamente a escala autonómica, estatal e europea.
Homenaxe polo 40 aniversario da AFG
No marco da asemblea, e coincidindo co 40 aniversario da fundación da AFG, tivo lugar un emotivo acto no que interviron persoas socias de diferentes xeracións e perfís, representando a diversidade e a vitalidade da entidade. O presidente da AFG, Antonio Rigueiro, actuou como presentador e condutor do acto.
Participaron na homenaxe: José Estévez Pérez (presidente da CMVMC de Parderrubias, Salceda de Caselas), Carlos Abellán (propietario forestal en Malpica de Bergantiños), Francisco Rivera (propietario en Viveiro e Pedrafita), Ramona Barrio (propietaria en Xinzo de Limia), Antonio Pérez (tesoureiro da CMVMC de Santa María de Oín, Rois), Beatriz Marchesi (propietaria en Oza-Cesuras), Xosé Manuel Sendín (presidente da CMVMC de Paraños, Covelo), Belén Mantiñán (propietaria en Cambre) e Fuco García (propietario en Piñor).
Participaron tamén a traballadora máis nova e a máis antiga da AFG: Iara Brea (enxeñeira técnica forestal) e Maripaz Boente (administrativa da AFG).
A xornada rematou cun xantar de confraternidade e cunha visita a Vilanova dos Infantes, poñendo así o broche final a unha xornada que combinou a reflexión estratéxica coa convivencia.










