A Asociación Forestal de Galicia advirte de que os propietarios forestais precisan apoios para encarar as obrigas da prevención de lumes
A actual lexislación de prevención de incendios obriga a executar rozas e a retirar piñeiros e eucaliptos en arredor de 150.000 hectáreas de Galicia, o que representa un custo anual duns 50 millóns de euros
A AFG demanda un Plan Forestal que promova a silvicultura activa, favorecendo os investimentos no monte e evitando o actual carrusel de restriccións ás que se ven sometidos os propietarios forestais
A Asociación Forestal de Galicia celebrou o 26 de maio en Vilagarcía a súa asemblea anual, na que abordou o impacto que teñen nos propietarios as normas autonómicas de prevención de incendios.
Para a Asociación Forestal de Galicia, a normativa de prevención de incendios constitúe un intento de cargar sobre os propietarios forestais unhas responsabilidades que deben ser conxuntas de toda a sociedade.
En Galicia, hai arredor de 150.000 hectáreas de monte ubicadas nas redes primarias ou secundarias de prevención de lumes, en torno a vías de comunicación e núcleos de poboación. O mantemento de tales franxas libres de biomasa e sen piñeiros e eucaliptos representaría un custo anual de arredor de 50 millóns de euros, unha cifra que é inviable que asuman os propietarios forestais.
A Asociación Forestal de Galicia está de acordo na necesidade dunha estrutura forestal que permita unha mellor defensa das vías de comunicación e das vivendas e pobos, con franxas de seguridade e corredores verdes de frondosas caducifolias, pero advirte da necesidade de liñas de financiación para impulsar tales traballos.
Por outra banda, é preciso catalogar as zonas do territorio como de alto ou baixo risco de incendio, pois as medidas a esixir deben ser proporcionais ó risco e non uniformes para toda Galicia.
A AFG chama a atención sobre o feito de que a Xunta ampliara en decembro do 2017 as franxas secundarias (en torno a vivendas e núcleos de poboación) dos 30 ós 50 metros en toda a comunidade sen consulta nin consenso co sector, cos conseguintes prexuízos para os propietarios forestais, ós que se fai responsables da prevención de incendios nun escenario de falta de ordenación territorial e de descontrol urbanístico.
Outro problema ó que se enfrontan os propietarios forestais é o das sucesivas normativas ambientais que están restrinxindo cada vez máis a actividade forestal, cando os propietarios forestais son axentes principais na conservación do medio.
A lexislación autonómica está a convertir o monte nun problema para os propietarios, cando Galicia o que precisa é transformar o monte nunha oportunidade e nun espazo atractivo para o investimento forestal.
Nesa liña, o futuro Plan Forestal de Galicia ten que enfocarse a promover a silvicultura activa, favorecendo o investimento no monte con incentivos fiscais e apoiando o relevo xeneracional. Para a Asociación Forestal de Galicia é prioritario que o futuro Plan Forestal se enfoque en reducir o abandono e en favorecer a xestión activa do monte.
Precisamente en demanda de políticas de apoio ó rural que contribúan a frear o abandono, a Asociación Forestal de Galicia participará na manifestación convocada por medio cento de colectivos o próximo 3 de xuño en Santiago de Compostela baixo o lema ‘Non somos o problema, somos a solución’.