A agrupación da comercialización da madeira e da xestión dos montes, claves para o sector forestal
A xornada informativa que reuniu en Cedeira a asociacións e propietarios forestais das comarcas do norte de Galicia saldouse cun balance positivo. O encontro, orientado a presentar as axudas que a Consellería do Medio Rural vén de convocar para apoiar ás asociacións forestais, suscitou un importante interese no sector, polo que en Cedeira estiveron presentes a gran maioría das asociacións de produtores de madeira (Promas) do norte galego.
A reunión, organizada pola Asociación Forestal de Galicia co patrocinio da Consellería do Medio Rural, contou coa colaboración da Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira e da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro. O encontro permitiu constatar que as Promas e asociacións forestais comparten unha idea común: a necesidade de fortalecer o agrupamento da comercialización de madeira e da xestión dos montes.
Na reunión de Cedeira participou o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, e o xefe do servizo de Montes da Coruña, Iñaki Bergaretxe, que resolveron todas as dúbidas das asociacións de produtores de madeira sobre as distintas liñas de axudas convocadas.
O traballo en conxunto no monte preséntase como a vía para aumentar a rendibilidade das cortas de madeira, así como para impulsar boas prácticas nos aproveitamentos. As asociacións de propietarios teñen a vontade de investir en infraestruturas, como cargadoiros de madeira ou básculas, así como en persoal e equipos técnicos que permitan mellorar a xestión forestal e contratar a explotación e comercialización conxunta da madeira.
Por ese motivo, as axudas que vén de convocar Medio Rural son ben recibidas polas Promas, pois por primeira vez contan cunha liña de apoios para a prestación de servizos aos propietarios forestais, o que sen dúbida favorecerá un novo impulso ao asociacionismo forestal no norte de Galicia.
No futuro, as asociacións de produtores de madeira tamén valoran como unha posibilidade a ter en conta a creación de agrupacións de xestión conxunta no monte, unha figura que permitiría un manexo forestal optimizado, superando as dificultades que provoca o minifundio.
O presidente da AFG, Antonio Rigueiro ofreceulle ás Promas e ás asociacións forestais das comarcas do norte de Galicia todo o apoio técnico que precisen para tramitar as solicitudes destas liñas de axudas.
Contexto
As comarcas de Ferrolterra, Ortegal e a Mariña lucense conforman a principal área de aproveitamentos forestais de Galicia. En conxunto, cortan arredor de 3 millóns de metros cúbicos de eucalipto ó ano, máis da metade de todo o eucalipto extraído anualmente do monte galego.