A AFG reúnese con dous departamentos autonómicos por asuntos de interese da propiedade forestal
A Asociación Forestal de Galicia mantivo dúas reunións institucionais para tratar varios temas de interese para as persoas propietarias forestais e comunidades de montes veciñais en man común.
Luns 10 de marzo o director da AFG e o vogal da súa Xunta de Goberno, Julio Aneiros, reuníronse co director xeral de Defensa do Monte. Entre outros temas interesámonos polo borrador da nova lei de prevención de incendios forestais, e transmitimos unha vez máis que as obrigas de mantemento das franxas secundarias de prevención de incendios que a lexislación actual impón á propiedade forestal, deberían ser, cando menos, mutualizadas e asumidas tamén polas persoas donas das parcelas urbanizadas estremeiras co monte ou as Administracións responsables dos labores de protección civil. Expúxose a necesidade de levar as distancias de defensa contra incendios a ser medidas dende o paramento das edificacións habitadas e que non se apliquen a liñas urbanísticas independentemente da presenza de edificacións ou non.
Abordouse tamén o enfoque dos criterios das axudas de incendios, que lle dan prioridade a montes de grandes superficies independentemente do interese estratéxico ou non da actuación solicitada para a defensa contra incendios, como pode ser na contorna de áreas habitadas ou nas áreas habituais de entrada de lume nos montes.
Venres 14 de marzo o director da AFG e o vicepresidente Juan Ramón Gallástegui mantiveron unha xuntanza co director da Axencia Galega da Industria Forestal para entre outras cousas ver canles de colaboración nesta nova etapa de XERA. Nos temas tratados falouse da preocupación dos propietarios forestais polos danos por bandas nas masas de piñeiros, cuestión que vai producir a curto e medio prazos problemas de subministro á industria de transformación galega. A situación e necesidade de apoio ao CIF de Lourizán por parte da Xera abordouse en tanto en canto a investigación alí realizada vai ser fundamental a medio e longo prazo para poder solucionar problemas sanitarios e de calidade xenética das masas de coníferas e frondosas.
Aprovechamos también para trasladar a nosa felicitación ao director da Axencia a nosa satisfacción polo traballo desenvolvido pola XERA ata o de agora, en prol do sector forestal, desexando que se manteña esta liña como por exemplo no labor que se está facendo de promover a construción sostible con madeira local en Galicia.