A AFG participa nunha campaña de sensibilización do uso da madeira
A Asociación Forestal de Galicia, a Asociación de Empresarios de 1ª Transformación da Madeira de Lugo, o Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia e a Asociación Monte Industria lideran unha campaña de sensibilización sobre a importancia do uso de materiais naturais, neste caso madeira, para camiñar cara un futuro sostible. O obxectivo desta campaña, #euescollomadeira, é trasladar á sociedade o compromiso polo coidado do medio ambiente, apelando ás conciencias e ao orgullo, como cidadán particular, de estar a colaborar, activamente, a coidar a nosa contorna.
A campaña, realizada coa axuda da Axencia Galega da Industria Forestal e coa colaboración da tenda de Compostela de Leroy Merlín, conta cun vídeo divulgativo que amosa como a madeira está presente en todos os momentos da nosa vida: dende o berce, nos nosos primeiros pasos, nos xogos, nos momentos de lecer, mentres comemos, cando descansamos, cando saímos á rúa ou cando traballamos. Plasma diferentes momentos da nosa vida cotiá nos que, sen darnos conta, a madeira converteuse nunha compañeira de vida máis.
Ademais, cóntase con testemuñas de profesionais de diferentes ámbitos que comparten coa sociedade os motivos polos que eles escollen madeira no seu traballo, como os arquitectos de Arrokabe, Óscar e Iván Andrés, ou o deseñador, Lois Guillán, de Cucuducho.
De maneira paralela, a tenda de Leroy Merlín en Santiago de Compostela, conta cun recuncho na súa sección destinada a este material, no que explica, en dez puntos, as vantaxes de escoller madeira. Ver decálogo
Durante as próximas semanas, continuaranse compartindo a través dos diferentes perfís das redes sociais das asociacións participantes, novos contidos da campaña e sorpresas para os seguidores, ademais de contar cun perfil propio da campaña en Instagram #euescollomadeira.
As asociacións da cadea de valor da madeira pretenden con esta iniciativa que a xente se sinta orgullosa de empregar madeira polas connotacións positivas que isto implica, apelando a esa conciencia e ese orgullo que supón usar madeira en lugar de materiais fósiles, non renovables e non biodegradables.
#euescollomadeira