A AFG participa na reunión de coordinación do Grupo Operativo do Proxecto GOSSGE
O 17 de xullo de 2019 celebrouse a segunda reunión de coordinación do proxecto do Grupo operativo GOSSGE (Grupo Operativo Supra-Autonómico de Sanidade sobre Gonipterus en Eucalipto) na sede de ASPAPEL (Madrid), no que participa a AFG xunto con COSE.
O proxecto GOSSGE aborda a prospección e o control da praga do gorgullo do eucalipto en Galicia, Asturias e Cantabria, cuxo obxectivo é asegurar a sostibilidade das masas de eucalipto no norte de España afectadas pola praga do Gonipterus platensis. Os danos causados por esta praga na cornixa cantábrica supoñen perdas anuais de 1.075.431 m3, unha perda de fixación de CO2 de 251.800 toneladas anuais e perdas económicas para a propiedade forestal, as empresas de aproveitamentos forestais e a industria da celulosa e o papel de 234.697.570 € anuais. Neste proxecto abórdanse tres liñas: o desenvolvemento de técnicas innovadoras na detección das pragas; a innovación nas técnicas de control biolóxico e a innovación nas técnicas de control químico baseadas en produtos naturais ou compatibles co control integrado.
Na reunión celebrada a pasada semana, aprobáronse os acordos tratados na reunión de coordinación anterior, celebrada en Asturias o día 16 de maio do 2019. Os resultados obtidos na primeira anualidade por parte de cada membro do grupo operativo foron expostos, e sentaron a base para as tarefas que van ser executadas na segunda anualidade. Entre os puntos tratados, destacar as investigacións levadas a cabo en canto á optimización das condicións de produción do parasitoide (Anaphes nitens), que permitirán mellorar a súa produción; a realización exitosa das prospeccións de dano levadas a cabo nas tres comunidades autónomas e o desenvolvemento satisfactorio dun algoritmo para avaliar o grao de dano causado pola praga mediante drons.
Outro dos puntos tratados foron os aspectos de difusión de resultados e formativos do proxecto, que inclúen a elaboración de material didáctico e xornadas formativas. Estas accións están orientadas a poñer en coñecemento dos propietarios e/ou xestores de masas de E. globulus como definir o nivel de dano causado polo goniptero na masa, así como aos diferentes tratamentos dispoñibles e a elección do método máis axeitado segundo cada circunstancia. Estas accións formativas levaranse a cabo na próxima fase do proxecto, nas tres comunidades autónomas que participan no proxecto (Galicia, Asturias e Cantabria).

