A AFG empraza á Xunta a dotar de máis recursos a Patrimonio Cultural para reducir atrancos na xestión forestal
A Asociación Forestal de Galicia (AFG) vén de manter unha nova reunión coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, na que se constatou que continúan os retrasos de ata 4 meses nas autorizacións de traballos forestais afectados por bens patrimoniais. Ante esta situación, a AFG empraza á Xunta a dotar de máis persoal e recursos a Patrimonio Cultural para reducir os atrancos na xestión forestal.
Os retrasos de Patrimonio Cultural levan a que comunidades de montes e propietarios particulares teñan que postergar durante meses traballos coma plantacións, rozas ou podas, que para unha execución óptima deben realizarse en épocas concretas do ano, non tendo sentido, por exemplo, que as rozas se autoricen tras pasar a época de alto risco de incendio.
Por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, informouse de que se axilizaran a menos de 20 días todas as autorizacións relativas á área de afección do Camiño de Santiago, pero os problemas continúan no resto de bens culturais, nomeadamente na provincia de Pontevedra, onde os retrasos chegan a 4 meses.
Axudas para a xestión forestal en áreas patrimoniais A Asociación Forestal de Galicia incidiu ante Patrimonio en que os propietarios forestais son os primeiros interesados na conservación dos bens patrimoniais, pero sen que supoñan unha carga adicional. Por iso, a AFG tamén lle ten solicitado a Patrimonio que asuma os controis arqueolóxicos ós que en ocasións se ven obrigados propietarios particulares e comunidades de montes.
Ante a falta de persoal de Patrimonio Cultural para asumir eses controis, outra opción que lle propuxo a Asociación Forestal de Galicia é a apertura dunha liña de axudas que cofinancien actuacións forestais en áreas patrimoniais, unha iniciativa que quedou sobre a mesa e que a Dirección Xeral se comprometeu a valorar.
Visor
Outra cuestión relevante que se abordou na reunión é a actualización do visor online que ofrece información das afeccións de cada parcela forestal. Patrimonio prevé que a partir do primeiro trimestre do 2019 se poida consultar online toda a información das afeccións patrimoniais de cada parcela forestal.
Na actualidade, as empresas contratadas para facer o traballo de campo de valoración das afeccións están a definir as áreas de protección integral e as áreas de cautela que lle corresponden a cada ben catalogado.
Desde a AFG solicitóuselle a Patrimonio Cultural que se eviten e se corrixan erros na delimitación dos bens e das súas áreas de cautela, de xeito que a protección que se lle asigne a cada ben se axuste á realidade e ás necesidades específicas do ben catalogado.
Como exemplo, a Asociación explica que non se lle pode asignar un área de cautela xenérica de 200 metros a un ben que ten estradas ou vivendas nese perímetro,ou no que un Plan Xeral Municipal marque xa proteccións inferiores.
Instrucións informativas
Por último, a Asociación Forestal de Galicia incidiu na importancia de que Patrimonio Cultural elabore unhas instrucións orientativas para que propietarios particulares e comunidades de montes saiban os condicionamentos que teñen na súa xestión forestal en función do tipo de ben e das áreas de protección ou cautela que correspondan.
A Dirección Xeral comprometeuse á súa elaboración e posterior difusión ó sector. Tamén houbo coincidencia no interese de elaborar un díptico informativo acerca da posta en valor do patrimonio cultural e da súa compatibilidade, ou non, coa xestión forestal.
Na reunión coa Dirección Xeral, participou a subdirectora Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, Beatriz González Loroño; o xefe de servizo de Patrimonio; e técnicos da AFG e de Patrimonio Cultural.