A AFG elabora unha batería de propostas para a revisión da Lei de montes veciñais
No marco do proceso de revisión da Lei de montes veciñais en mancomún, que está a acometer a Xunta de Galicia, a Asociación Forestal de Galicia programou unha serie de reunións con comunidades de montes para trasladarlles as súas propostas. Estas propostas, que recollen as inquedanzas dos montes veciñais socios da Asociación, someteranse a debate e enriqueceranse coas novas achegas que se formulen nestes encontros.
Desde xaneiro deste ano, a Consellería do Medio Rural iniciou o proceso para modificar a Lei de montes veciñais en man común. A tal efecto solicitou dos membros do Consello Forestal de Galicia (do que forma parte a Asociación Forestal de Galicia) que achegaran unha relación dos puntos que cada organización consideraba fundamental revisar, mellorar e/ou borrar ou ampliar na lei actual.
A AFG ten recompilado os problemas máis destacables que presenta a actual redacción da lei de montes veciñais en man común, a partir da súa experiencia de 36 anos traballando coas comunidades de montes. Estas ideas recóllense nun documento que xa se lle presentou á Consellería do Medio Rural. Nas reunións da próxima semana, este documento debaterase e enriquecerase coas novas achegas das comunidades de montes. Todo isto dará corpo á postura oficial que a Asociación Forestal de Galicia asumirá.
Polo de agora, non se dispón de ningún texto sobre a nova lei. De feito, non está aínda decidido se se fará unha revisión en profundidade da actual Lei de montes veciñais, que data do 1989 (con sucesivas modificacións), ou se se elaborará unha nova lei para regular as propiedades veciñais.
As reunións que se celebrarán a próxima semana serán as seguintes:
- 16 de maio, local social da CMVMC da Laxe, O Valadouro, ás 19.30 h
- 18 de maio, local da Asociación de Veciños de San Xoán de Laíño, Dodro, ás 19.30 h
- 20 de maio, Centro Cultural Xinzo, Ponteareas, ás 19.30 h
Paralelamente, a Asociación Forestal lembra que está aberto un proceso de participación pública no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia, que permanecerá aberto ata o 24 de maio de 2022, e no que pode formular propostas calquera cidadán ou entidade.
Propostas
Entre as cuestións que cómpre precisar na revisión da Lei de montes veciñais, a Asociación Forestal de Galicia destaca puntos como os seguintes:
- Condición de veciño/a comuneiro/a. É preciso aclarar que persoas poden acadar a condición de comuneiro/a, xa que é un motivo habitual de disputa. Por outra parte, é necesaria unha certa flexibilidade para facilitar o funcionamento de comunidades do interior galego, en franco declive poboacional.
- Orixe xermánico. Introducir na lei o concepto de colectividade de orixe xermánico das comunidades de montes veciñais.
- Recoñecemento xurídico. Nos últimos anos ampliouse a capacidade xurídica de obrar das comunidades de montes veciñais e debe recoñecerse na lei. Quizás hoxe se poida formular o recoñecemento da personalidade xurídica plena das comunidades de montes veciñais, dada a práctica perdida dos aproveitamentos individuais dos comuneiros sobre o monte.
- Clasificación do monte. debe actualizarse a composición do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común (artigo 10), introducindo un maior compoñente técnico e unha nova forma de elixir, por municipio, ao vogal representante das comunidades veciñais, engadíndolle a función de arbitraxe. Cabería tamén debater unha fórmula sinxela para posibilitar a “fusión” de comunidades, sobre todo de lugares dentro dunha parroquia, creando unha nova comunidade conxunta.
- Organización das comunidades. En comunidades con número elevado de comuneiros, é difícil acadar o quórum mínimo requirido actualmente e isto pode prexudicar a toma de acordos necesarios para a xestión do monte, polo que se fai necesario habilitar fórmulas que poidan permitir unha xestión do listado do comuneiro ante reiteradas faltas de asistencia por un elevado número deles. Proponse que as maiorías cualificadas se tomen en relación ó número de persoas presentes en asemblea, non en relación ó censo de comuneiros/as.
- Usos sociais do monte. É moi importante actualmente introducir un artigo 3 específico sobre titularidade dos camiños e pistas forestais existentes no monte veciñal, así como sobre a necesidade de formalizar contratos coas sociedades de caza que inclúan os montes veciñais nun TECOR.
- O crecente uso social dos montes está causando conflitos cos propietarios dos montes veciñais, existindo numerosos casos de camiños e pistas forestais identificados no Catastro e inventarios municipais como de dominio público, cando sempre foron camiños comunais (privados) de servizo do monte.
- Apoio á xestión e deslindes. Débense facilitar e financiar os deslindes de montes veciñais, así como desenvolver medidas de fomento para asesoramento e gobernanza dos montes veciñais, que se ven na obriga de incorrer en custosos gastos administrativos e técnicos polas esixencias burocráticas.
- Tamén é preciso modificar aspectos sobre a xestión cautelar de montes en estado de grave abandono (introducida na Lei de medidas fiscais e administrativas de decembro do 2021), cambiando cuestións sobre indicadores de abandono ou sobre a intervención dos Concellos.
- Actos de disposición. Deben clasificarse e actualizarse os actos de disposición (artigos 5, 6, 7 e 8); particularmente revisar os prazos de duración e as obrigas dos contratantes. En xeral obsérvase que os prazos de duración dos contratos derivados de actos de disposición resultan curtos, o que conduce a solicitar prórrogas que moitas veces non se poden outorgar, podendo xerar discordias entre comunidade propietaria e entidade contratante. Por outro lado existe a contradición de que se o monte veciñal se incorpora ó Banco de Terras, debe ceder o seu uso por periodos de 50 anos.