A AFG divulga a loita biolóxica e integral contra o goniptero
Dentro do Proxecto de Innovación do Grupo Operativo Supra-Autonómico de Sanidade sobre Gonipterus en Eucalipto- GOSSGE, no que a Asociación Forestal de Galicia participa a través de COSE (Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España), a AFG vai impartir tres cursos sobre prospección e control da praga do goniptero do eucalipto en Galicia, que terán lugar nas seguintes localidades e datas:
Monfero, 3 e 4 de xullo: Local social da Asociación de Vecinos de As Travesas, parroquia de San Felix. As Travesas, estrada AC151 km 17. Programa
O Vicedo, 10 e 11 de xullo: Salón de actos da Casa da Cultura. Programa APRAZADO
Dodro, 17 e 18 de xullo: Centro Sociocultural de Imo. Programa
O proxecto de Innovación do Grupo Operativo Supra-Autonómico de Sanidade sobre Gonipterus en Eucalipto- GOSSGE está acollido ao Programa Nacional de Desenvolvemento Rural (PDNR) 2014-2020, financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) e polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). A duración do proxecto é de dous anos, finalizando o 1 de setembro de 2020.
O seu obxectivo xeral é contribuír a asegurar e incluso incrementar a sostibilidade das plantacións de eucalipto en Galicia e a área cantábrica que nestes anos se encontraron en grave perigo pola acción do insecto praga Gonipterus platensis. Para isto, estanse deseñando e aplicando métodos innovadores de prospección e control biolóxico e integrado que supoñan un freo no avance do axente daniño e que redunden nunha mellora do estado de saúde destas masas forestais.
O proxecto GOSSGE estrutúrase en catro liñas de traballo:
- Desenvolvemento de técnicas innovadoras na detección dos niveis de praga
- Innovación en técnicas de control biolóxico
- Innovación en técnicas de control con sustancias de orixe natural ou compatibles con control integrado e
- Plan de divulgación de resultados.
Dentro do proxecto GOSSGE, a Asociación Forestal de Galicia, como membro de COSE, participa en accións dirixidas á divulgación dos resultados do proxecto e á formación dos propietarios forestais de Galicia en materia de detección, prevención e control da praga do goniptero.
Ler máis.