A AFG compensa a súa pegada de carbono coa reforestación de montes afectados por incendios forestais
A Asociación Forestal de Galicia (AFG) vén de culminar o proceso de compensación da súa pegada de carbono, que inclúe todas as emisións asociadas á súa actividade, principalmente o asesoramento a propietarios forestais e comunidades de montes veciñais, tanto en monte como nas sedes da Asociación (Santiago e Ponteareas).
O Rexistro de Pegada de Carbono, Compensación e Proxectos de Absorción de CO2, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, vén de acreditar que a AFG compensou a súa pegada de carbono a través de proxectos de restauración forestal de montes afectados por incendios.
Polo de agora, a normativa en España establece dúas vías para as entidades e empresas que, dun xeito voluntario, no marco da súa responsabilidade social corporativa, queiran compensar as súas emisións con proxectos de absorción de carbono. Esas vías son a reforestación de montes afectados por incendios forestais ou a plantación de superficies forestais que estiveran desarboradas cando menos desde o ano 1989.
En ambas liñas, o Rexistro do Ministerio calcula a absorción de CO2 dos proxectos tendo en conta o compromiso de permanencia da masa restaurada.
A compensación da pegada de carbono da Asociación Forestal de Galicia fíxose por medio do proxectos incluídos no programa Galicia Rexenera, co que a Asociación, en colaboración con comunidades de montes veciñais, está a impulsar a restauración de superficies forestais afectadas polos lumes.
Contexto
Tras os incendios forestais do outono do 2017, que devastaran máis de 50.000 hectáreas de monte en poucos días, a AFG impulsou o programa Galicia Rexenera. Con esta iniciativa, actuouse na restauración de superficies afectadas polos lumes, coa posterior inscripción dos montes reforestados no Rexistro de Pegada de Carbono e Proxectos de Absorción de CO2.
Unha vez que esas superficies quedan inscritas no nomeado Rexistro, coa validación do Ministerio para a Transición Ecolóxica, calquera entidade ou empresa interesada en compensar voluntariamente as súas emisións pode mercarlle aos propietarios forestais os correspondentes créditos de carbono xenerados por eses proxectos.
Este é o proceso que vén de completar a propia Asociación Forestal, do mesmo xeito en que o podería facer calquera entidade pública ou privada interesada en compensar as súas emisións de xeito voluntario.