A AFG asiste á terceira reunión de socios do proxecto NATUR-SMART en Pozorrubielos de la Mancha, Cuenca
Xosé Covelo, director da Asociación Forestal de Galicia asistiu a esta xuntanza que tivo lugar os días 23 e 24 de xuño de 2025.
O día 23 tivo lugar a reunión na que se analizou a marcha do proxecto e se programaron as actividades a desenvolver nos vindeiros meses, así como estudáronse as propostas de cambios e modificación previstos, repasáronse os orzamentos e resolvéronse as dúbidas suscitadas.
Martes 24 levouse a cabo unha visita ao monte Las Morras para coñecer a zona piloto I do proxecto. Trátase dunha propiedade, dunhas 10 hectáreas incluída parcialmente dentro da Rede Natura 2000, onde se está proxectando unha plantación de plantas aromático-medicinais para a obtención de aceites esenciais. O propietario explicou como vai ser a tecnoloxía de destilación prevista. Asemade fixo unha demostración do sistema de pastor eléctrico que emprega para o pastoreo rotacional como ferramenta de control da vexetación, e tamén do cultivo de cogomelos para a súa comercialización en redes de comercio de produtos de alta calidade.
O proxecto NATUR-SMART, Conservación da biodiversidade a través de modelos de xestión agroforestal integrais e a creación de redes de tecido asociativo, recibiu o pasado ano da Fundación Biodiversidade algo máis dun millón e medio de euros.
O seu obxectivo xeral é conservar e mobilizar os servizos ecosistémicos agroforestais mediante a creación dun modelo de xestión integral e sostible que aumente a biodiversidade, a resistencia e a resiliencia das masas agroforestais, active a bioeconomía rural desde unha perspectiva de xénero e cree tecido asociativo entre os axentes clave do territorio unindo a oferta coa demanda a través dunha rede dixital para fortalecer o mercado de bens e servizos que ofrecen os ecosistemas naturais.
NATUR-SMART conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.